Con data do 30 de marzo de 2021, publicouse no DOG a Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021. O prazo de solicitude das axudas abrangue dende o 31/03/2021 ata o 30/04/2021. https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=VI432A
Duración:
As axudas de ambas as dúas liñas concederanse por un prazo máximo dun ano e, en todo caso, ata o 31 de decembro de 2021, data de remate da vixencia do Plan 2018-2021. Naqueles casos en que se dispoña dun contrato con efectos económicos anteriores ao 1 de xaneiro de 2021, a axuda terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2021. Para os contratos asinados entre o 1 de xaneiro de 2021 e a data de presentación da solicitude, a axuda terá efectos desde a data en que comecen os efectos económicos do contrato.
Destinatarios:
a) Liña A, axudas ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas.
b) Liña B, axudas á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas menores de 35 anos con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.
Requisitos:
1. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña A, axudas ao alugamento de vivenda, as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.
b) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e cuxos efectos económicos sexan anteriores ao último día de prazo de presentación de solicitudes.
c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de convivencia durante todo o período polo que se conceda a axuda. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.
d) Que a renda mensual da vivenda alugada non supere os importes establecidos no artigo 10 das bases reguladoras. (Concello de Negueira: 300 €/mes)
e) Que os ingresos das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Este límite será de catro veces o IPREM se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con discapacidade.
f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM. Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicadores previstos no artigo 12.4 das bases reguladoras.
2. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña B, axudas á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, as persoas físicas maiores de idade que non teñan feitos os 35 anos na data de presentación da solicitude e cumpran o resto de requisitos sinalados no número 1 deste punto.